martes, 16 de abril de 2013

OS DESFIUZAMENTOS E OS NAZIS



Por Manuel Pérez Lourido


Anda estos días a cousa revolta, como case sempre. Toda esta teima dos escraches (semella nome de peixe) está a afogar aos deputados do PP. Din eles que son un atentado as liberdades e envolven coa palabra violencia as súas declaracións (de guerra) contra a PAH. É raro que non exista nin unha soa denuncia no xulgado alegando violencia, pero vivimos en tempos raros, xa lles digo. Como tamén é raro, sigo dicindo eu, que unha xente aos que o abuso bancario (e sobre iso ven de pronunciarse Europa, nada menos, non Andorra ou Liechestain, Eu-ro-pa) quere deixar sen vivenda
permanezan quietiños e calados a ver como lles escarallan a (triste) vida que levan. Se un le as reclamacións da Plataforma anti-deshaucios que, básicamente tenta acadar unha segunda oportunidade para xente que quedaría sen teito e con poucos medios para vivir, entende que a medida dos escraches é máis propia dos osos amorosos que dunha ralea de insumisos aproveitados. Home, non é plato de gusto que te espere a xente diante do teu portal e te “chame nomes” pero, se es capaz de soportar as falcatruadas do “compañeiro” Bárcenas, por exemplo, ben podes aturar esa incomodidade.
Agora a discusión é a “distancia prudencial” nos escraches. Acabáramos. É comprensible que xente dun nivel social determinado non queira sentir o alento nin o cheiro de outros que, se cadra, nin os dentes cepillan a diario. Bueno, cadaquén no seu sitio: ou a ver se a rúa pública vai a ser de todos, ou a ver se non existe un dereito de proximidade que favorece as clases favorecidas, valga a rebuznancia (nunca fixen este chisteciño con tanta propiedade).
Diante da tramitación da lei hipotecaria non é raro, entre tanta rareza, que o partido gobernante non queira que se debata no Congreso: é unha anormalidade democrática. Algo que afecta a un colectivo tan amplo en todo o territorio español debería ser tratado polas súas señorías e televisado en directo, en vez doutra borralla. Eu é que hai xente, ou xentalla, á que lle facía escraches no cerebelo, previa trepanación, claro.
Parece ser que o texto non contempla a dación en pago, como é normal nun país onde se rescatan aos bancos e se afoga aos cidadáns. Aos da pe, que os outros, ante o mínimo problema enseguidan topan traballo en países exóticos. Borren o de “mínimo problema”, aínda que para elés o é.
Se alguén pensa que algún tipo de beneficio para “Juan Pueblo” que teña en danza á banca deste país vai ser doado de acadar, que repase á historia. Aquí ese tipo de victorias só veñen con moito esforzo, moita loita, moito ruído e algún golpe. É tan triste coma real.
Hai que lembrarlle a algúns que os antidesfiuzamentos no comezaron polos escraches: primeiro denunciaron nos xulgados, despois manifestáronse, recolleron sinaturas e presentaron a ILP. Agora eles, perseguidos e acosados, decidiron perseguir e acosar aos políticos. Chámanlles nazis, sí, sí.

PAH= Plataforma de Afectados pola Hipoteca
ILP= Iniciativa Legislativa Popular


No hay comentarios:

Publicar un comentario