martes, 14 de mayo de 2013

CINE, CINE, CINE




Por Manuel Pérez Lourido



O cine inventou un tal Louis Le Prince. En 1888 filmou unha escena de dous segundos de duración. Despois os irmáns Lumiere e tatatá tatatá. Todo isto se non minte a Wikipedia (que minte). Polo tanto é un invento que ten o tempo suficiente como para ter mudado dabondo, e abofé que mudou. Do cine mudo mudou ao sonoro. Que frase máis bonita quedou. E sonora. En fin, do branco e negro ao de cores. Agora seica se achega o momento da desaparición das salas de exhibición. Tamén o teléfono era un trebello tremendo e agora levámolo no peto. Muda a tecnoloxía e mudan os costumes. Mudan os nichos de negocio e os ghichos que o gobernan.
As salas cinematográficas comezaron a baleirarse coa televisión. Este andazo de deserción social sufriu un avivamento coa chegada de internet e a dixitalización dos contidos. Houbo un exterminio no negocio do alugueiro de filmes.
Pero non só o cine está nas últimas, tamén a cinefilia. Disto falou sentida e certeiramente Susan Sontang hai poucos anos. Dicía que xa no seu nacemento apareceron dous tipos de filmes ben diferenciados: os que viñan sendo unha transcrición da vida real (representado polos irmáns Lumiere) e o cine como artificio, ilusión e fantasía (Meliés). Hoxe en día a dicotomía ven dada por un cine concibido coma produto, que só apunta ao espectáculo-pasatempo e outro que amosa pretensións artísticas e agocha un discurso estético con algunha tese que expoñer. Os premios óscar teñen coma un dos seus fins premiar aos produtos que van facer carreira no primeiro apartado e vestilos coma se pertencesen ao segundo. Por suposto que sempre haberá películas de gran calidade que se acheguen ao público ata conquistalo, pero son escasas porcentualmente. Tamén é certo que a cinefilia tivo o seu momento: anos 50, Francia, Cashiers du cinema que se clonou en Alemaña, Italia, Gran Bretaña, Suecia, Estados Unidos y Canadá. Cinematecas, cineclubes, nutridos por xóvenes universitarios namorados do amor polo cine. Os anos 60 e 70 proseguiu o romance. Coa chegada dos 80 e a subida dos custes de produción, as películas empezaron a ter que coller a maior cantidade de cartos posibles no primeiro mes de vida se quería ser rendible. Empezáronse a facer películas que ían directamente ao mercado do vídeo. Apareceron os blockbusters, títulos que se espallaban maxicamente polo mundo enteiro. Chamados tamén cine pop corn polo axeitado do contido para a mastigación de flocos. Tiburón, A guerra das galaxias. Este tipo de cine que hoxe en día está vixente con esas megaproducións anunciadas con meses de antelación (se non vas a ver a peli eres un parasito social) e que aspiran a converterse en franquías: O señor dos aneis, Harry Potter, Piratas do Caribe, Batman, Men in black....
Todo este rolo que veño de soltar ten a súa explicación na noticia de que os cines Vialia en Pontevedra teñen os días contados. A min dáme igual, porque poucas películas poñen neles que paguen a pena: dedícanse en corpo e alma á comida rápida. E eu non son un gourmet, pero non aprecio un bo prato de sopa. Porén, non deixa de ser unha mágoa que pouco a pouco desapareza ese formato lendario: a escuridade, a soidade na escuridade, a grandiosidade das imaxes e blablabá.
Hai tanta literatura sobre o embruxo do cine en salas que para que. Sinte un coma unha saudade, coma unha cousa na pel cando pensa nesa desaparición. Pero xa nos daremos unha ducha. 


No hay comentarios:

Publicar un comentario