Por Manuel Pérez Lourido
O
cine inventou un tal Louis Le Prince. En 1888 filmou unha escena de
dous segundos de duración. Despois os irmáns Lumiere e tatatá
tatatá. Todo isto se non minte a Wikipedia (que minte). Polo tanto é
un invento que ten o tempo suficiente como para ter mudado dabondo, e
abofé que mudou. Do cine mudo mudou ao sonoro. Que frase máis
bonita quedou. E sonora. En fin, do branco e negro ao de cores. Agora
seica se achega o momento da desaparición das salas de exhibición.
Tamén o teléfono era un trebello tremendo e agora levámolo no
peto. Muda a tecnoloxía e mudan os costumes. Mudan os nichos de
negocio e os ghichos que o gobernan.
As salas
cinematográficas comezaron a baleirarse coa televisión. Este andazo
de deserción social sufriu un avivamento coa chegada de internet e a
dixitalización dos contidos. Houbo un exterminio no negocio do
alugueiro de filmes.
Pero non só o
cine está nas últimas, tamén a cinefilia. Disto falou sentida e
certeiramente Susan Sontang hai poucos anos. Dicía que xa no seu
nacemento apareceron dous tipos de filmes ben diferenciados: os que
viñan sendo unha transcrición da vida real (representado polos
irmáns Lumiere) e o cine como artificio, ilusión e fantasía
(Meliés). Hoxe en día a dicotomía ven dada por un cine concibido
coma produto, que só apunta ao espectáculo-pasatempo e outro que
amosa pretensións artísticas e agocha un discurso estético con
algunha tese que expoñer. Os premios óscar
teñen coma un dos seus fins premiar aos produtos que van facer
carreira no primeiro apartado e vestilos coma se pertencesen ao
segundo. Por suposto que sempre haberá películas de gran calidade
que se acheguen ao público ata conquistalo, pero son escasas
porcentualmente. Tamén é certo que a cinefilia tivo o seu momento:
anos 50, Francia, Cashiers
du cinema
que se clonou en Alemaña, Italia, Gran Bretaña, Suecia, Estados
Unidos y Canadá. Cinematecas, cineclubes, nutridos por xóvenes
universitarios namorados do amor polo cine. Os anos 60 e 70 proseguiu
o romance. Coa chegada dos 80 e a subida dos custes de produción, as
películas empezaron a ter que coller a maior cantidade de cartos
posibles no primeiro mes de vida se quería ser rendible. Empezáronse
a facer películas que ían directamente ao mercado do vídeo.
Apareceron os blockbusters, títulos que se espallaban maxicamente
polo mundo enteiro. Chamados tamén cine
pop corn polo
axeitado do contido para a mastigación de flocos. Tiburón, A guerra
das galaxias. Este tipo de cine que hoxe en día está vixente con
esas megaproducións anunciadas con meses de antelación (se non vas
a ver a peli eres un parasito social) e que aspiran a converterse en
franquías: O señor dos aneis, Harry Potter, Piratas do Caribe,
Batman, Men in black....
Todo este rolo
que veño de soltar ten a súa explicación na noticia de que os
cines Vialia en Pontevedra teñen os días contados. A min dáme
igual, porque poucas películas poñen neles que paguen a pena:
dedícanse en corpo e alma á comida rápida. E eu non son un
gourmet, pero non aprecio un bo prato de sopa. Porén, non deixa de
ser unha mágoa que pouco a pouco desapareza ese formato lendario: a
escuridade, a soidade na escuridade, a grandiosidade das imaxes e
blablabá.
Hai
tanta literatura sobre o embruxo do cine en salas que para que. Sinte
un coma unha saudade, coma unha cousa na pel cando pensa nesa
desaparición. Pero xa nos daremos unha ducha.
