martes, 4 de junio de 2013

A XUVENTUDE INVENTA MENTRES BAILA




Por Manuel Pérez Lourido



Unha moza norteamericana, Eeza Khare, ven de inventar unha batería que pode recargarse en 20 segundos. Fartouse de andar a cargar o móbil un día si e outro tamén e dixo, pois nada, a ver que podo facer. Entre botellón e praia (ten dezanove anos e vive en California) adaptou un supercondensador (quen non sabe o que é un supercondensador?) á súa idea. Pois claro. Como non se lle ocorrera a ninguén antes? A ningún enxeñeiro a soldo das grandes compañías. Como a extraordinaria ocorrencia de unificar os adminículos de carga dos telefoniños. Mira que tardaron anos en darse conta. Estaban ocupados en facer caixa vendendo cadanseu conexión, claro, e ou cobras ou pensas. Esta rapaza dou en pensar e gañou trinta e pico mil euros nun certame de mozos inventores. O primeiro premio déronllo a un romanés (Siiiiiiii) por inventar un coche eléctrico sen condutor. Ionut Budistenau (poño os nomes para que non sexa todo Neymares e Bales) foi motivado pola estatística, algo que aburre ao común dos mortais: púxose ao choio cando soubo que o 90% dos accidentes son provocados por erros humanos. Bueno, supoño eu que tamén o 90% dos acertos son provocados... pola humana destreza, e o resto chiripa.
Pero de quen quero falar é de Henry Wanjune Lin, tamén americano (e de orixe moi patente). Presentou un traballo, premiado tamén, para predicir a través de cálculos computacionais o comportamento das galaxias. Non hai información dispoñible sobre que motivou a Wanjune Lin a facelo, supoño que pola obviedade: quen, aos 20 ano, non pensaba no comportamento das galaxias?. Por favor, se estabamos todo o día noutras galaxias. "Hai outros mundos, pero están neste" que dixera Paul Eluard.
A min isto das galaxias é o invento que máis me mola: os outros semellan moi inmersos na sociedade consumista que tanto nos consume.Wanjune Lin, o galáctico, fainos flipar só de oír de que vai o seu traballo. Despois seguro que algún falcón do Pentágono acáballe atopando un uso vencellado á vella teima de escachar cabezas, pero mentres todos somos Wanjune Lin. Bravo por el, por Eeza Khare, por Ionut Budistenau e por todos os mozos e mozas que poñen o seu talento a funcionar.



No hay comentarios:

Publicar un comentario