martes, 12 de noviembre de 2013

OS GRANDES COLUMNISTAS


Por Manuel Pérez Lourido

Un bo día, ou un mal día, e incluso un día dos de que queres ti que che diga, ocúrreseche escribir sobre os que escriben. Columnas na prensa. Os columnistas, que non hai nome máis feito para apuntarse no paro, sector da construción. Se traballabas na construción e non estás no paro é que tes a algún político na túa vida. Dende que estoupou a burbulla esa o paro está cheo de xente con diversos tipos de feridas. Todas inmovilizantes. Os arquitectos miran polas fiestras dos seus lofts e suspiran moi docemente, ao compás do ruído das súas tripas. E así ad infinitum...
As persoas que tratan destos e doutros asuntos, locais ou nacionais, internacionais ou estratosféricos, forman a columna vertebral da prensa escrita e dixital: os columnistas. Algúns deles son xente rexa de principios rexos e máis pobres cas ratas. Outros traballan para un grupo de empresas editoriais que apoia uns intereses políticos determinados. Determinados por outros, non por eles. Estes viven mellor, comen todos os días e tal. Con postre. Despois están os chamados francotiradores, que basta conque un os chame así para así poñelo, que son aqueles que non teñen nin un can que lles ladre e pódense permitir o luxo de pegar tiros dende distintas árbores. Seguro que me entenden.
O bo columnista ten que ser un bo analista da realidade. Nada menos. En todo caso, polo menos ten que “parecelo”. Ten que dar mostras de que sabe que é a realidade e despois ser quen de facer unha análise do cadáver. Porque o columnista de caste ten que tratar sempre a realidade coma un cadáver aínda quente ao que lle ven de practicar a autopsia. Canto máis noxo dea a execución da tarefa, canta máis conclusións tire da mesma, máis grande será o éxito das súas columnas. Ou non, como díría Cota que diría Rajoy. Falando desto: o columnista ten que ser portador dunha poderosisíma bagaxe literaria. Os grandes columnistas caracterízanse por ten unha gran cachola bamboleante por culpa da grande cantidade de libros alí gardados, dos que despois xurden citas, exemplos, metáforas, nomes propios, referencias, datas, nomes comúns... bueno, vale, tamén chega con ter conexión á rede.
Os grandes columnistas, ademáis de ser bos, teñen que ser malditos. Na literatura es un ninguén se non es ademáis un maldito. Bukowski escarallou a súa vida no intento. Kafka non, a Kafka a vida escarallouselle soiña. Foi un maldito “devenido”. Outros, tipo Rimbaud, o que tiñan era un vicio que non se lambían. Os malditos, tarde ou cedo, ocuparán a súa cadeira no Olimpo das letras. Os bos, non sempre.
Hai xente irremediablemente humana que o ten todo para triunfar no columnismo pero que non están dispostos a entrar polo aro do malditismo: quérenlle ao seu fígado, sonlle fieis á parella, só xe inxectan por obligación médica, saúdan pola rúa... estes pobres dan unha peniña que só se pode mitigar pensando que un le de cando en vez algunha das súas columnas. Fágano.


No hay comentarios:

Publicar un comentario