martes, 5 de noviembre de 2013

O ENREDO DOS CREMATORIOS



Por Manuel Pérez Lourido

En Pontevedra estase montando unha boa co asunto dos crematorios. Semella que alguén vai saír desa lea chamuscado. O primeiro, Antón Louro “O espiado”. Chóvenlle ameazas de denuncias. Á plataforma veciñal Crematorios Urbanos No, que leva no nome o resumo do seu ideario, non lle gustou nadiña que rebaixara de 500 a 50 o número de metros de distancia que debe gardar un crematorio. O grupo popular apresurouse a poñerse ao lado dos votos, digo da cidadanía. A xogada sáelle redonda ao BNG posto que debilita ao seu socio de goberno sen queimarse demasiado.
Louro ofreceu ás empresas funerarias una parcela no cemiterio de san Amaro para a instalación dun forno crematorio. Aos populares, que chegaron a defender o emprazamento de Arcebispo Malvar, agora isto parécelles moi cerca. Eles propoñen o polígono empresarial de A Reigosa. Por outra banda, as funerarias pontevedresas veñen de facer unha fronte común diante de Funespaña, a única que reúne os requisitos da normativa que pretende sacar adiante o concello, pasando por unha modificación do PXOM... pois, si, acertaron... isto é un novo capítulo de “Enredo”!! (ai, o que se perderon se non viron aquela marabillosa serie nos 80).
Escoito asentos removéndose: lectores inquedos de dedos nerviosos ameazan con saltar a outro lugar do ciberespacio se non me pronuncio axiña por algunha, ou varias, das moitas partes deste disparate que tanto cheira a corno queimado... pois non: eu, se non se pon á miña disposición algún espía, aínda que sexa parente de Mortadelo, que me poida pasar información privilexiada, non respondo nin chío. Que sei eu se é lexítimo, ético, moral ou antediluviano que o goberno municipal modifique a normativa para montar un crematorio nunha parcela de san Amaro? que sei eu se as compañías que se gañan á vida coa morte dos demais fan ben en opoñerse a Funespaña?. Eu tamén me opoñería a algo con semellante nome. Que sei eu se os veciños da explícita plataforma fan ben ou non en ameazar a Louro con demandalo, ou en demandalo se chega o caso? Que sabe ninguén? Como dicía Raphael. O mesmo que dicía aquilo de: “escándalo, es un escándalo....”



No hay comentarios:

Publicar un comentario