martes, 29 de octubre de 2013

PORCALLADAS DO RÍO GAFOS



Por Manuel Pérez Lourido

Nos Gafos cada pouco afóganse cousas estrañas todas pertencentes ao ámbito do lixo, o que ven sendo, de toda a vida, unha porcallada. Os seres humanos inventamos o porco, que era un animal salvaxe e feliz, porque o digo eu, e fixemos del un pandeiro que repenica no sanmartiño. E chamámoslle “porco” á xente que fai cousas que ningún cocho faría, a pesares de que non teñen a súa disposición unha intelixencia coma a nosa.
Perto de onde vivo eu hai un rodillo de ferro onde a xente de Vaipolorío, despois de ir polo río recollendo a chatarrada toda que atopan no leito dos Gafos, exhiben aquel martiroloxio de cousas que fenden a vista e a conciencia de calquera que as teña en bo estado. A exhibición vai cambiando cada ano pero a temática non: pódese atopar calquera cousa que se poida coller coas mans e tirar nun río: dende un carriño do super ata un axóuxere. Mesmo unha vez apareceron, á beira do río, unhas persianas. Xa non imos falar dos entullos, os verquidos de orixe industrial, canaletas de pluviais verquendo en días sen chuvia...
Esta agrupación ecolóxica chegou a contar 21 puntos de vertedura, 11 no tramo urbano e 10 no rural.
Tamén da noxo, e gañas de repartir hostias coma mundos, ver algúen que se desfai dun molestísimo anaco de papel que lle pertence tirándoo á rúa, que nos pertence a todos. Ou a monda dun plátano, que vin ceibar dende un auto no centro de Pontevedra. Esas cousas debían ter multas millonarias, algo que fixera esquecer a posibilidade de tan sequera imaxinar facer algo semallante. Sustituibles por vergallazos en praza pública. E a negación, de por vida, do carné de PTV, que se lle racharía diante dos seu fociños, caso de poseelo.
Entre 200 e 300 kilos de excrecencias materiais humanas recollen de cada vez os ecoloxistas que van polo río en xornadas de limpeza que son de portas abertas. Téñome que apuntar á próxima, porque así terei material de primeira man, nunca mellor dito, para falar e desgustarme.
Eu, no caso dos Gafos e do lixo ambulante estou a favor da educación, por supostos, e despois das bofetadas. Polo civil o polo criminal, pero respecto.  


No hay comentarios:

Publicar un comentario