martes, 28 de mayo de 2013

OS CICLISTAS SAÚDANSE



Por Manuel Pérez Lourido


 Hoxe fun andar en bici. Fun ver se lembraba como se facía. O ciclismo é un deporte marabilloso. Aínda non sei por que, pero prometo descubrilo e xa volo contarei. Subín a bici como se montase un carrusel da feira: a la buena de Dios. Fun cun amigo, por se había que levantar acta ou presentar testemuñas; outro que estaba tan oxidado coma min, que non se trata de dar o cante (aínda máis). Xa o primeiro que nos chamou a atención ao topar outros ciclistas foi o raro que vestían todos eles: vestían coma se estivesen a facer deporte. Iso hai que avisalo, amigos: non podemos quedar de domingueiros por falta de información. E ademais era sábado.
Outra cousa fantástica: os ciclistas saudábannos. A min, que non me saúdan nin os coñecidos, que me saúden descoñecidos case me fai chorar. Xiraba a cabeza incrédulo e botaba un saúdo-sorriso de parvo para arriba. Case me como un piñeiro.
Todo ía sobre rodas ata que a silliña da miña bici empezou a cobrar vida. Non contento con poñerme o cu feito un cisco, empezouse a mover cara atrás. Nunha delas case acabo co cu mazado no chan, para rematalo. Estaba frouxo. Eu síntome identificado coas cousas que se afrouxan porque tamén me sinto identificado coas persoas que teñen cousas frouxas. Na azotea. Porén, amolábame ben ter que dar as pedaladas de pe aínda que dese xeito tamén descansaba o cu. Lembrei unha morea de refráns sobre o mal que por ben non ben nin vai... ou como sexa.
Andabamos por carreiros luminosos pois a mañá era un teito azul e sol quentando motores para traballar a plena potencia. A beleza da paisaxe facíanos esquecer a dor nas pernas, no lombo, nas cadeiras, nos xeonllos, nos xemelgos, nas pestanas... a beleza da paisaxe era o bálsamo de Fierabrás
feito xarope de Maio para dous vellotes torpes con bicicletas.
Canda demos a volta para casa eu seguía facendo equilibrios para que a silliña non me botara abaixo e xa saudaba con descaro a calquera que pasase, por que só aos demais ciclistas? posuído por un concepto democrático do saúdo, fíxenlles acenos a motoristas, anciáns, nenos, cans e calquera cousa viva.
Estamos pensando en repetir a fazaña dentro duns meses, cando o corpo recupere, e de paso aproveitaremos para aprender como funciona iso dos piñóns e as catarinas.


No hay comentarios:

Publicar un comentario