martes, 9 de julio de 2013

TÓPICOS



Por Manuel Pérez Lourido


Cando ves de mazarte no ximnasio escribir sobre mazarte no ximnasio semella un esforzo demasiado grande, polo que mellor consultar as noticias online. As noticias online son as mesmas cas outras pero cambian a cada rato, mellor dito, son sustituidas por outras semellantes que duran pouco porque a súan vez van ser cambiadas por outras case iguaias, e así coma nun dos infernos de Dante Alighieri, que era un tipo listo de carallo. Remexer nos tópicos para topar un topic sobre o que escribir é algo típico (tpc, tpc, dánse conta?). Cando chegas ao estremo de andar a esplicar os truquiños de todo a cen que empregas, é que a cousa anda moi mal. Estabamos remexendo nos tópicos, pero alí só hai ácaros e bágoas, unha enchente de po cubrindo o pranto pasado e presente. Un carrusel de saudade que da noxo e alerxia. Tamén podía dar nécoras, digo eu, pero por dicilo nunca pasou nada.
Se me desen unha nécora por andar a voltas cos tópicos, non escribiría doutra cousa ata o primeiro lavado de estómago. Pero eiquí estamos dándolle voltas e voltas á realidade ata volvela do revés como se fose un saco (que o é, en non direi de qué) tentando atopar algo que encenda o piloto automático do motor que fai ruxir as palabras, patinar as frases, despegar os parágrafos e finalmente aterrar ao texto. Pero non, hoxe non hai unha panca que mova o mundo da imaxinación e os cabaliños da feria fican murchos baixa unha luz cenital que amosa a pintura gastada, os rabuñazos na madeira, o ferro enferruxado das barras ferro, mentres soa una tristeira música sen músicos. Nin sequera un par de cativos que paseen comendo nubes de algodón. As nubes son de xullo e xa non levan choiva, pero aínda ímonos queixar igual. 
A veces quixeras que as cousas pasasen coma nas películas de hollywood, esas que escriben ben remunerados guionistas que teñen a cabeza a paxaros e quen falara aos seus personaxes como nunca falou nin falará ninguén no esférico mundo. Sempre meten na comedia algunha escea dramática e nas pelis dramáticas algunhas esceas cómicas. É un vicio como outro calquera, caen nel unha e outra vez. A min as cousas asemellánseme máis a unha película europea, lenta e ás veces torpe, con máis ínfulas das debidas, con actores feos ou semi-feos e música para ovellas, ou polo menos que che fai pensar ovellas. Isto de comparar a realidade cun filme é algo que supoño que xa fixeron cinco de cada seis escritores que xamáis chegaron a ningunha parte, que no fondo é do que se trata, tampouco se está tan mal por eiquí. O caso é que ás veces quixeras que todo fose diferente, non sabes poñer os límites desa diferenza, pero esa idea fai que te sintas excluido da felicidade e iso disque vai moi ben para escribir, que por suposto, tamén é, máis que nada, do que se trata.






No hay comentarios:

Publicar un comentario