martes, 10 de septiembre de 2013

FEIRA FRANCA FOREVER




Por Manuel Pérez Lourido


Cando se poida ler isto estará liquidada a Feira Franca 2013. Puxen “liquidada” aínda que sóame a transacción económica pero é que, ben pensado, participar nela tamén ten os seus gastos: o traxe tes que compralo ou alugalo, o calzado podes safar (“safar” é un verbo orixinario de Marín superprecioso) se ten sandalias de algo que semelle coiro. Se vas comer, terás que apoquinar, digo eu. Un “simpa” medieval é cousa nunca vista. Pero a ven quen te colle entre tanta xente. O caso é que, rematada ou liquidada a Feira Franca, imponse a reflexión. A reflexión debería ser disciplina olímpica pero xa. Tantas flexións e tan pouca reflexión. O primeiro que ven á cachola, que hai quen ten cachola en vez de mente, e a moita honra: como se podía, xa non digo vivir, subsistir, en Pontevedra nos tempos en que non había Feira Franca?. Non o lembro, non me entra na cabeciña... entrariamos no outono directamente dende as festas da Peregrina? Así, sen anestesia...a que se dedicaban os paisanos que traballan neses combates medievais, en dúas sesións? que facía a xente que agora vende cousas medievais con eses produtos medievais? como hei vivir mañá sen a luz túa?, ai non, que isto é un verso de Bernardino Graña. A min, francamente, a Feira Franca paréceme o mellor invento despois da agulla de coser. Grazas a esta non andamos por aí feitos uns esfarrapados, e grazas á Feira Franca podemos coser un pouco a nostalxia que nos bota por fóra ao remate do verán. Os galegos somos moito de nostalxias, morriñas e saudades: temos máis palabras que outros idiomas para dicir o mesmo. Os galegos levamos nos ollos unha melancolía que non nos lambemos, e festas coma a Feira Franca e os chupiños de licor café matan esa bichería toda.Outra cousa que tamén é certa é que Pontevedra é unha cidade de moito funcionario, e xa se sabe que, por deformación profesional, o funcionario é unha raza de devece pola festa, que vive por e para ela, que se bota a ela coma un tolo en canto albisca un chisco de troula. Non foi de estrañar que a Feira Franca tivese dende o principio tanto predicamento na cidade do Lérez. Eu aproveito cada ano para xuntarme con amigos doutras partes de Galicia e pasarmos a tarde xuntos, comendo, bebendo e todo iso das “festas-jolgorio”. Son funcionarios, por suposto.




1 comentario:

  1. ¿Enton "safar" existe? É que teño un fillo que abusa do término e non e de Marín. Eu sepa.

    A Feria Franca é o mellor invento, si, despois do verán e antes das navidades e intre a Outubrofest.

    ResponderEliminar