martes, 24 de septiembre de 2013

ZOMBIS E VAMPIROS



Por Manuel Pérez Lourido

Nalgún sitio teño lido que nos tempos de crise póñense de moda os contidos relativos a zombis, vampiros e casquería desa. Iso pasa por andar a ler, dirá alguén, e dirá ben. Polo menos por ler como fago eu, que nunca me lembro quen dixo o que dixo nin onde nin cando nin por qué. E velaquí a teimar: cal é o motivo deste febre?. O autor de “Filosofía zombi”. Jorge Fernández Gonzalo di que o zombi é a metáfora perfecta da nosa cultura, que abandeira o noso medo de que se achegue unha apocalipse mundial. Sarah Lauro, que é de máis lonxe como xa adiviñaron, explica que reflexan o noso nivel de insatisfacción cultural e económica.
Así, diferentes estudiosos do tema, intelectuais do medo, eruditos do terror, sociólogos do estraño e xa vou parando, engaden aos alieníxenas, meteoritos asesinos e inundacións tremendísimas, aos elementos que rebrotan nos contidos de novelas e películas en tempos de capitalismo en problemas.
De xeito que cando Manel Loureiro se facía un nome como autor dunha moi exitosa triloxía zombi estaba recibindo un plus de atención mediática por mor dos (malos) tempos que empezan a asomar. Mira ti.
Segundo isto, a época de filmación de King Kong, Frankenstein e O vampiro de Düsseldorf tivo que ver co crack de 1929 e a guerra fría xunto coa crise petrolífera de comezo dos 70 deixounos O coloso en chamas, Aeroporto 77 e A aventura do Poseidón: o chamado cinema de catástrofes, vaia.
Alien, Encontros na tereceira fase e A guerra das galaxias explotaban o noso desexo de atopar un mundo mellor, aínda que fose lonxe deste planeta.
Todo isto está moi ben e eu non son ninguén para discutilo. Bueno, eu non son ninguén así, en xeral. Pero para o caso, nin teño barba, nin fumo en pipa, nin uso gafas (agás para ler, que é o que provoca despois toda a trapallada esta, como xa confesamos) polo que as miña opinión non valen un peso. E aínda así vouna compartir:
Estou firmemente convencido de que o asunto é moito máis sinxelo ca todo isto. Imos ver: se un acende a televisión un día calquera a unha hora calquera, e váleme tamén a radio, e váleme tamén calquera medio informativo dixital. Se un se expón durante uns intres as intervencións dos personaxes e seres humanos (que de todo hai) que eliximos para que nos xestionaran a existencia; se escoitamos o que din, como se explican para tentar sair das leas nas que se meteron, como tentan quedar ben cando xa quedaron coma a merda; se pensamos o que se fixo neste país cos cartos da xentiña maior, o que fixeron os que lles prestaban os cartos a eses xestores de chichinabo... cómo non van estar de moda os zombis e mailos vampiros. Por favor.  




No hay comentarios:

Publicar un comentario