martes, 1 de octubre de 2013

VAITE LAVAR



Por Manuel Pérez Lourido


“Vaite lavar porcona, vaite lavar/ se non te chega o río, tírate ao mar”

A min estes versos inmortais sempre me causaron asombro. Certo é que a primeira vez que os oín estaba eu nun estado no que era moi doada a súa celebración, en voz alta, a coro e cunha copa na man (e varias no corpo). Axiña notei o poderío lírico que amosaban, esa fonda pegada, ancestral, ese pulo romántico orixinado no maxín galaico-portugués que foi despois so galaico e agora xa nin iso; esa pretensión de ligar a golpe de insulto... imos ver:

1-non se lle canta isto a unha muller pola que non sintes nada: se así é, pasas dela e a gorxa descansa.
2-o pobo galego non sabía quen era Gustavo Adolfo Bécquer, nin Rosalía de Castro (de momento), nin Francisco Villaespesa... nin falta que lle facía, porque bastante tiña o pobo galego con dobrar o lombo para traballar as leiras que eran súas e as que non o eran; ou para xogarse o pescozo saíndo ao mar a por peixe; ou para levar ao monte ás vacas, as bestas e as ovellas. Etcétera.
Polo tanto era normal que inventara os seu propios versos cos miolos tan cheos de callos coma as mans e lles dera forma de canción.
3- mandar ir lavar a unha muller fermosa, e despois mandala guindarse ao mar, era moi típico dos galegos que mandaban ir lavarse ás mulleres fermosas, ou a guindarse ao mar.
4-calquera varón heterosexual galego, aínda máis os feos coma croios, devecía por cantarlle estes versos a unha muller fermosa (os feos coma croios, a unha muller calquera).
5-con todo, certa mulleres fortes e rexas, decidían manifestar certo desgusto con esas palabras mediante tremenda labazada na faciana do cantor. De labazada a forte labazada era o rango do desgusto nestes casos.
6-con todo, o cantor amosaba tanta máis propensión a seguir co seu repertorio canta maior era a cantidade de:
augardente tostada ou
augardente de herbas ou
licor café
que trasfegara con anterioridade.

Un pobo calquera, mesmo un coma o noso, ten garantida a súa pervivencia mentres cantos coma este, sentidos e interiorizados de xeración en xeración, aínda lle digan algo ás novas xeracións que manexan ipads, iphones, earphones, facebook, etc
Ou sexa: estamos fodidos.


No hay comentarios:

Publicar un comentario