martes, 15 de octubre de 2013

CAMALEÓNS DO ROCK



Por Manuel Pérez Lourido


Estou a ler as cousas que fai o justien bieber este para tentar cambiar a súa feble imaxe por unha de macarriña, a última quedar en calzóns nun concerto. Sabedes que? Tiña pensado falar doutra cousa, pero vou falar disto: dos justins biebers que no mundo hai, vestidos (ou espidos) de lady gaga, miley cyrus, etc. No principio foi Bowie, ese camaleón con ollos de cor esparexa, esa serpe andróxina e bisexual (e non insulto: Bowie sempre me lembrou unha serpe, coma hendrix sempre me lembrou un ourizo, Zappa un cabalo, Ozzy Osbourne un hipopótamo...). Bowie amosou coma unha das súas xenialidades a invención dunha xeitosa estratexia de marketing: mudar de imaxe con cada disco. Foi mod, extraterrestre, pirata, dandi, neorromántico, neogánster...dun xeito calculado e preciso, daba que falar con cada reencarnación.Despois apareceu Madonna, podía discutirse quen dos dous gañaría nun combate de ambicións. Con moitísimo menos talento pero moítisima menos competencia ca Bowie nun eido feminino no que só as rockers e as soul sisters tiñan sitio, Madonna empoleirouse á escala do éxito e cada tramo facía unha máis gorda, vestía menos roupa ou soltaba unha boutade máis extrema, e iso que esta muller nunca foi de falar moito.Importoulle ben pouco pasar por lurpia, pero non quixo facelo por lercha.
Despois veu marylin manson, que xa tiña pouco terreo para a orixinalidade. Escolleu un nome mixto entre a bela e a besta e arreando. Arreou electricidade e provocación nas letras, fíxose dano no escenario coma un iggy pop calquera (quen sería un ninguén se non fose polo seu amigo bowie). Como non tiña os ollos de cores coma o británico, púxose lentillas rechamantes (disimular non entraba nos seus plans). Colleu de Alice Cooper a maquillaxe gótica, foi tamén andróxino para o seu segundo disco, tamén gótico, paramilitar, pero sempre estrambótico e provocador.
E acabou, polo de agora, coma a imaxe de Saint Laurent, que non me pregunten o que é porque acabalo de velo en google e xa me doe a cachola para indagar máis trapallada.
Non lles podo opinar da súa música porque non adoito escoitar ruído.

Todos estes persoeiros foron observados polos ollos grandes e cheos de saudade dunha nena británica interesada no businness.
Representante da xeración nini, pero por motivos particulares: nin canta ben nin baila ben nin é guapa, nin é fea... fai todo a medias, coma un soldador que traballa a medio gas e que para chamar a atención decide vestir só roupa interior e a careta.
Se te chamas Stefani Joanne Angelina Germanotta e decides entrar na escena coma lady gaga, homenaxeando aos Queen de “Radio Ga-ga”, o que amosas son unhas grandes dotes para aplicar o sentido común. Por iso que todas as parvadas que viñeron despois semellan atallos para chegar ao status de Madonna, agora que a diva ten que mazarse máis que nunca para manter o físico. Tampouco sei de que vai a música de lady gaga, pero é porque me vai a música.

Agora, dous pipiolos que fixeron fama coma pipiolos, nenos criados na fe evanxélica dos seus pais e que, cando perden o rumbo, non saben máis que pintar a mona, entregados en corpo e alma (o de corpo sobre todo ela) a xerar unha nova imaxe.
Teñen que buscar nova clientela e os caladoiros teen están esgotados, e ademais eles xa andan polos vinte. Supoño que a xente que teñen nas súas empresas non lles deu para máis que para o de sempre: ti a espirte, miley, e ti a cuspir na xente, justin. Poderían asegurarse portadas doutro xeito: bicando animais (desinfectados) nos morros, ou sacando un carreira universitaria (ou un título do ceac americano, vale) pero elixen o longo e tortuoso camiño da estupidez, que fai que teñas que facer unha máis grande ca outra e, o que peor, que os demais te teñan por estúpido.
Bieber mexou nun carro do lixo, pegoulle a unha modelo, fumou herba, cuspiulle ás fans, cantoulle unha canción á súa avoa tapado só coa guitarra (falcatruadas ignominiosas que amosan un comportamento ultra-depravado; documentadas graficamente, claro).
Justin, meu rei: das un medo que arrepías.

En fin, semella todo inventado neste negocio de capa caída, pero sempre nos quedará un garito no que acudir a escoitar a un grupo de tipos que non miran un can na carteira pero sáelles a alma pola boca cando rascan as guitarras. Longa vida ao rock and roll.


No hay comentarios:

Publicar un comentario