martes, 6 de agosto de 2013

FURANCHOS E SHOW COOKING



Por Manuel Pérez Lourido


“Fun ao furancho do meu compadre/fun polo vento e vin polo aire” así, máis ou menos, cantaban Fuxan os beatles e A Roda naqueles anos nos que aínda cantabamos cousas destas e non “waka, waka, hey, hey”.
Moito mudaron as cousas. Pasamos dos furanchos e do viño de pasa ao show cooking. Bueno, do viño de pasa pasamos amplamente xa hai anos, que non hai onde atopalo.
En Galicia fomos dos reinos de taifas furanchiles á pitanza de luxo nun tempo record. Non hai moito podíase atopar un par de furanchos en cada lugar. Nalgúns dábanche carta e todo, que o vin eu. Alí tiñan viño para dous anos: seica tiñan vides desas de produción intensiva. En fin, aquilo foi unha romaría de despropósitos que nos tiña encantados, todo hai que dicilo, porque por catro pesos comías e bebías coma un rei. Cando os hostaleiros puxeron o grito no pazo de Raxoi, porque o ceo estaba anubrado, a ninguén se nos ocorreu rechistar: tiñan máis razón ca un santo (santo Xob). Á Xunta levoulle tempo e semella que se lle foi a man. Hoxe non hai onde atopar un furancho aberto: todos acaban de pechar ou quedan no quinto pemento de onde estás cando queres probar un viño nun deles. As restricións impostas foron tan grandes que a moitos non lles pagaba a pena nin poñer as billas nos pipotes. Ducias e ducias de galegos furancheiros quedamos amolados e sen un guía de furanchos de garda que botarnos aos ollos. E non se pode atravesar estes tempos de temporal sen unha cunca e un pouco de chourizo do país, ou un albariño da casa e un anaco de empanada.
Pola contra, reprodúcense exponencialmente os garitos que ofrecen tostas con queixo de tetilla fritida (dende cando se fritiu o queixo de tetilla?), as tostas de atún con tomate fritido, e outras exquisiteces.
Eu non teño nada contra a nova cociña, contra o arte da cociña ou contra os artista, os cociñeiros que queiran desenvolver o seu saber en vivo e en directo. Aquí haiche sitio para todos. Pero tampouco sei ata que punto isto non é unha moda máis que desaparecerá en canto torne o vento. O que si sei é un viño da casa nun entorno da casa, sen cousas art-decó nin chispas negras, e unha boa tapa de callos... en fin, que non vai pasar de moda nunca, e se o fai pobre de nós.




1 comentario:

  1. Haberlos haylos. Hai que a topar con eles y ter unha reda de amigos de amigos con curmáns de amigos e con contrasinal

    ResponderEliminar